Saltar ao contido

Santiago Basanta Silva

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaSantiago Basanta Silva
Biografía
Nacemento10 de xaneiro de 1899 Editar o valor en Wikidata
Vilalba, España Editar o valor en Wikidata
Morte30 de decembro de 1974 Editar o valor en Wikidata (75 anos)
Madrid, España Editar o valor en Wikidata
Procurador en Cortes
14 de maio de 1955 – 26 de abril de 1957
Procurador en Cortes
14 de maio de 1952 – 13 de abril de 1955
Procurador en Cortes
18 de outubro de 1951 – 5 de abril de 1952
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
EducaciónUniversidade Complutense de Madrid Editar o valor en Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Madrid Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónavogado, político, conselleiro legal, avogado do estado Editar o valor en Wikidata
Premios

BNE: XX1170337 BUSC: basanta-y-silva-santiago-n-1889


Santiago Basanta Silva, nado en Vilalba o 10 de xaneiro de 1899 e finado en Madrid o 30 de decembro de 1974, foi un avogado e xurisconsulto galego.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Foi fillo de Andrés Basanta Olano (fillo á súa vez do avogado Francisco Basanta Cornide, de Outeiro, Castro de Rei, e da vilalbesa Carmen Olano Silva) e de Concepción Silva Posada, de Mondoñedo, filla do avogado Eugenio Silva Villaronte e de Dominica Posada Villapol. Logo de facer Bacharelato no Instituto de Lugo, estudou Dereito na Universidade Central por libre[1], e en 1921 aprobou as oposicións ao corpo de avogados do estado[2]. Foi destinado ás Delegacións de Facenda de Girona, Palencia, Segovia, Ávila, Alacant, Lugo e Madrid. En 1925 foi destinado á asesoría xurídica do Ministerio da Gobernación, e en 1934 á do Ministerio de Traballo, Sanidad e Previsión. En 1937 destinárono ao Goberno Xeral do Estado, en 1938 pasou ao Servizo Nacional do Contencioso e en 1939 á asesoría xurídica da Dirección Xeral do Timbre e Monopolios.

En 1942 foi nomeado subdirector 3.º do Contencioso e xefe da Sección do Consultivo, pasando posteriormente a ser subdirector 1.º. En 1945 foi nomeado conselleiro e vicepresidente 2º de Tabacalera SA, cargo que ocupou até 1968. Entre 1951 e 1957 foi subsecretario de Facienda, amais de presidente da Comisión de Presupostos das Cortes Españolas. Con este cargo interveu ante o pleno para defender ditames de leis, como a do Timbre do Estado de 1955, a de Protección á Mariña Mercante de 1956 e diversas modificacións tributarias e orzamentarias. Retomou o posto de avogado do Estado na asesoría xurídica do Ministerio da Vivenda. Foi o número 1 da súa escala até febreiro de 1968, cando pasou á situación de supernumerario. O día 15 dese mes foi nomeado conselleiro permanente de Estado e presidente da sección Quinta de Facenda.

Ocupou a presidencia da Asociación Española de Dereito Financeiro, e formou parte do consello de administración da International Fiscal Association, con sede en Ámsterdan. Foi membro do Instituto Internacional de Facenda Pública, con sede en Sarrebruken, e presidiu o Padroado do Centro de Estudos Tributarios e Económicos. Foi vogal do Instituto de Estudos Fiscais, e interveu nos Congresos de Knoke Zutte, Basilea, Hamburgo, París, Atenas, Budapest, Londres, Estocolmo e Montevideo, así como nas Xornadas luso-hispano-americanas de Estudos Tributarios de Coímbra, Santiago de Compostela e Río de Xaneiro. En 1952 representou o Estado no Congreso Internacional de Tribunais de Contas, celebrado na Habana.

Tamén tivo cargos na banca e a industria privada, como o de secretario xeral do Banco de Crédito Local e conselleiro de La Maquinista Terrestre y Marítima, Fefasa, Inquitex, Electrólisis del cobre ou Química de Bayas entre outras empresas. Morreu por mor dunha embolia, e foi soterrado no cemiterio de La Almudena de Madrid.

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]

O 5 de xullo de 1972 leu o seu discurso de investidura como membro da Real Academia Española de Xurisprudencia e Lexislación, en substitución de Jesús Marañón Ruíz Zorrilla. O seu discurso, La tributación sobre la tierra y su función social, foi contestado por José Larraz López. Foi nomeado Cabaleiro Gran Cruz das ordes do Mérito Civil, Cardenal Cisneros e Isabel la Católica.

Fillo predilecto de Vilalba e socio de honra do Racing Club Vilalbés, na súa vila natal levan o seu nome unha rúa e o IES Santiago Basanta Silva.

  1. Heraldo de Villalba, 16 de xullo de 1916.
  2. Heraldo de Villalba, 22 de xullo de 1921.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]